Páxina pechada. Lanzamento: 26/09/2014. Peche: 30/06/2019.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Barrio do Cura

ETAPA MEDIEVAL

O “Barrio do Cura” foi conformándose no Antigo Réxime ao redor da igrexa de Santa Marta (antes do s. XV denominada de Santa Uxía).

A referencia máis antiga que podemos atopar deste espazo remóntase ao ano 1160, cando  Fernando II doa ao Mosteiro de Melón á capela de Santa Uxía “cos seus terreos na beira do mar”. Os cistercienses de Melón engadían así unha peza clave de Vigo e a súa contorna, pois o mosteiro actuaba como lugar de almacenamento e intercambio entre os bens da terra e do mar, do campo e da vila, así como lugar de residencia e administración dos “señores de Vigo”. A instalación dos monxes cisterciense en Santa Uxía significaría un importante pulo ao desenvolvemento urbano de Vigo, que nese momento comezaba a debruzarse cara o oeste.

Daquela xa existían outros elementos que caracterizan este espazo aínda hoxe en día: unha “fonte de Santa Uxía” (quizais a da Barroca) e un “valado que descende á peixaría” (quizais a orixe da cerca da horta ou algún dos socalcos que vemos hoxe en día).

Plano Vigo Amurallado

 

ETAPA MODERNA

Ao longo do século XVI os franciscanos instalaron o primeiro convento urbano de Vigo. A instalación da orde franciscana en Vigo (que tamén tivo un convento feminino no Areal) é indicativo do pulo da vila: unha orde mendicante como esta só podía manterse con certo número e riqueza de poboación.

Convento, 1881 (I)

Os freires descalzos xa levaban dende 1541, cando fundaron o mosteiro de San Simón e mailo de Baiona, na ría de Vigo. A instalación en Santa Marta foi gradual e grazas ás cesións do mosteiro de Melón que fixo que, antes de 1572, puidera comezarse a construción do edificio conventual arredor da capela nun proceso cheo de dificultades: epidemias (en 1569, 1579 e 1598) e, en 1589, Sir Francis Drake (que amais de saquear a bisbarra destruíu as construcións do convento, que non se remataría ata ben avanzado o XVII). No s. XVIII, o edificio conventual sería ampliado ata practicamente a súa extensión actual.

O convento de Santa Marta foi un dos edificios e institucións máis importantes da cidade durante a Idade Moderna. Este dáballe entidade a Vigo pois insería á vila nunha rede rexional e suprarexional de movemento de persoas e informacións ao tempo que lle aportaba certos servizos á cidade (como a “Escola e Cátedra de Artes”).

Esta importancia social e a súa localización, dominante sobre a ribeira do Berbés, converteron o convento nun foco de atracción para a poboación, de tal xeito que á súa beira naceron as dúas rúas históricas máis occidentais de Vigo: San Francisco e Santa Marta.

Panorámica Barrio do Cura e Berbés

 

ETAPA CONTEMPORÁNEA

No século XIX, coa chegada da Idade Contemporanea, o “Barrio do Cura” sufriu unha forte transformación.

En 1809, durante os acontecementos da ocupación e reconquista de Vigo, moitos dos freires participaron na resistencia e o Convento de Santa Marta fixo de cuartel da infantería francesa.

Posteriormente, a Desmortización de Mendizábal, en 1836, declarou a extinción da ordes relixiosas, de tal xeito que os bens do convento franciscano de Santa Marta pasaron ás mans do Estado. O edificio do convento foi doado á “Xunta de Beneficiencia do Concello de Vigo” para que tivese alí a súa casa-hospicio. Mentres que as terras foron adquiridas en poxa polo matrimonio de nobres betanceiros Joaquín Romay Teijeiro e María Tuesley, falecidos ambos pouco despois. Sería entón, na segunda metade do século XIX, cando se comezaría a dividir a antiga horta, viña e eixido do Convento en diversas parcelas.

Vigo medraba enerxicamente (en 1861-9 demolíanse as murallas) cara ao Leste, mentres que o desenvolvemento cara ao Oeste, non prosperou máis aló da masificación da bisbarra do Berbés e Falperra, xa que a “zona polémica do Castro” atrofiaba o medrar máis aló.

Durante a segunda metade do s. XIX e principios do s. XX o espazo do “Barrio do Cura” e a súa contorna quedou sen un ordenamento claro, así pois nestas décadas artellouse un hábitat “rururbano”, no que se mesturaba o pasado e a “modernidade”.

Barrio do Cura, Finais s. XIX (Vista dende o Castro)

  • Sobreviviron “o verde” no interior da “horta” (agora leiras separadas), certas edificacións antigas (como o edifico do convento e as casiñas populares do Berbés e a Barroca) asociadas ao viario antigo (a rúa San Francisco e mailos primeiros treitos dos camiños de Santa Marta e a Barroca).
  • Abrollaron o eixo Elduayen-Paseo de Alonso-Estrada de Baiona/Pi y Margall, no que se construiría o Asilo das Hermaniñas dos Anciáns Desamparados e moitos edificios de vivendas e baixo comercial (entre os cales xurdiría a peculiar barriada “do Cura”), mentres que o camiño que baixaba ao Picacho ampliábase e convertíase na rúa Llorente, onde se instalaba a Fábrica de Gas e unhas cocheiras dos herdeiros de Hipólito Llorente; por outra banda a rúa Poboadores prolongábase (agora que a muralla fora derrubada) ata tocar o Asilo e despois virar cara a Elduayen, moito máis ancha pero co mesmo tipo de vivendas “de familias populares”. As ampliacións de Llorente e Poboadores completaríanse, segundo o proxecto inconcluso do “enlace coa igrexa e praia de San Francisco” de 1896, coa ampliación do camiño de Santa Marta (do cal só se realizaría o treito alto) e a apertura dunha rúa que atravesase “as hortas e propiedades entre a Casa Asilo de Anciáns Desamparados e a de Caridade” .

O desenvolvemento rururbano do “Barrio do Cura” continuaría no s. XX.

Berbés, Principios s. XX (I)

No centro do espazo mantívose a actividade agrícola (con leiras independentes e hortas/xardíns asociadas a vivendas) mentres que outras parcelas foron gradualmente ocupadas por vivendas unifamiliares, as máis pequenas e apertadas para as clases populares (como atopamos nas rúas da parte sur e alta do Casco Vello: barriadas de Santa Marta, do Cura e o “novo” treito de Poboadores), e outras “vilegas”, máis amplas e separadas para clases máis acomodadas (como as que atopamos no camiño de Poboadores ou a da actual escola infantil de Santa Marta).

Os treitos altos de Llorente e Santa Marta así como da rúa San Francisco axeitáronse ao tránsito de automóbiles e enchéronse de edificios de vivendas de ata seis andares. A Casa de Beneficencia e o Asilo foron obxecto de continuas ampliacións para poder dar servizo á cada día meirande cidade de Vigo. Nos anos 60, ao tempo que se abría a rúa Torrecedeira, volveuse barallar a posibilidade de abrir a rúa que atravesase a antiga horta do Convento, pero unha vez máis o proxecto non se realizou.

Paseo, Anos 60 (s. XX)Ao longo da segunda metade do século XX o “Barrio do Cura” padeceu un proceso de deterioro semellante ao do resto do Casco Vello (despoboamento, marxinalidade e avellentamento da poboación, deficiencias nos servizos urbanos, perda de funcións económicas e socioculturais,…).

Ao longo destes anos o conxunto do “Barrio do Cura” sufriu un “proceso de deterioro” menos pronunciado ou rechamante que noutras partes do Casco Vello de Vigo. Por unha parte, a función principal deste espazo, o asistencial, non se perdeu (exceptuando o Asilo, que fechou xa en 2006), e por outra, o seu “afastamento” fixo que a veciñanza non sufrise tanto as consecuencias da explosión do lecer nocturno acontecido noutras partes do Casco Vello ao longo das décadas dos 70, 80 e 90, cousa que explicaría o menor índice de despoboamento e ruína.

Actualmente o “Barrio do Cura” é unha zona “abandonada, afastada e rara” para a maioría das persoas. Unha situación que non se debe tanto a aquelas dinámicas do “deterioro dos barrios históricos” como á presión da especulación inmobiliaria e ao aleivoso esquecemento do Concello de Vigo.