Páxina pechada. Lanzamento: 26/09/2014. Peche: 30/06/2019.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

FAQ

DE ONDE VÉN O NOME DA CAMPAÑA?

O nome da campaña inspírase en “Reclaim the Streets”, un colectivo dos anos ‘90 do s.XX que se opuña frontalmente ao proceso de globalización e que buscaba a dignificación e recuperación dos espazos públicos para as persoas a través de accións directas non violentas. Recuperar Os Barrios é unha campaña que nace dese espírito axeitándose á realidade de cada unha das comunidades para defender, valorizar e recuperar un patrimonio construído de xeito colectivo ao longo do tempo

COMO ACTUAMOS?

Recuperar Os Barrios baséase en accións e iniciativas participativo-reflexivas e críticas. O noso xeito de actuación inclúe dende accións directas non violentas ata iniciativas informativas e de sensibilización sobre os espazos a recuperar. En última instancia, toda iniciativa ou acción que evite o desenvolvemento dos procesos especulativos ao tempo que axude a recuperar o patrimonio afectado.

Recuperar Os Barrios é unha campaña que serve de paraugas para actuar sobre diversos procesos especulativos contra o patrimonio, polo que se iniciarán proxectos en diversos ámbitos de actuación que terán carácter e dinámicas independentes entre si.

COMO NOS FINANCIAMOS?

Recuperar os Barrios é unha campaña que ten como alicerces no seu financiamento: a independencia e o carácter antiglobalizador. Así pois o financiamento non procede en ningún caso de ningún tipo de estrutura que merme a independencia da campaña (aministración, partidos,…) nin de ningún tipo de estrutura que vaia contra o carácter antiglobalizador da mesma (transnacionais, bancos,…). A construción do proxecto faise a partir do traballo técnico das persoas que participan na campaña e os cartos da mesma dependen de achegas individuais e de iniciativas que se realizan de xeito puntual para acadar a cantidade de diñeiro necesaria para desenvolver iniciativas concretas.

QUEN PODE PARTICIPAR?

Calquera persoa pode vencellarse a Recuperar os Barrios, sempre que estea de acordo e respecte as pautas e principios da campaña. A túa participación e implicación unicamente depende de ti. Podes colaborar informando e sensibilizando ás persoas do teu redor das situacións especulativas, asinando as follas de denuncia, achegando ideas, difundindo material ou participando nas iniciativas e accións que se propoñan.

ATA CANDO DURA A CAMPAÑA?

A duración da campaña é indefinida xa que os distintos procesos de expropiación dos espazos públicos (xentrificación, especulación urbanística, etc.) continuarán repetíndose como consecuencia da concepción neoliberal na que todo é negocio. Onde o mercado inmobiliario, como tantos outros, é un sector que, coa connivencia dos poderes públicos, enténdese como un eido máis de onde sacar beneficio económico sen atender a outro tipo de cuestións (sociais, culturais, patrimoniais,…).

Por outra banda a duración de cada unha das liñas de traballo dependerá sempre do grupo de persoas que estean.

QUE É UNHA LIÑA DE TRABALLO?

As liñas de traballo son cada un dos proxectos puntuais que se insiren dentro de Recuperar Os Barrios e que polo tanto recollen a denuncia dun proceso especulativo contra o patrimonio e contrúen as alternativas ao mesmo. Cada unha das liñas de traballo parte dunha análise individualizada previa que, no caso de ser positivo, comézase o traballo sobre a mesma. A duración de cada liña de traballo dependerá do que marque cada grupo de traballo.

COMO SE PODE ABRIR UNHA NOVA LIÑA DE TRABALLO?

Se sabes dalgún proceso especulativo contra o patrimonio da túa ou doutra comunidade, contacta connosco e explicarémosche polo miúdo os pasos a dar para podermos abrir unha nova liña de traballo.

COMO PODES CONTACTAR CONNOSCO?

De xeito moi sinxelo. Podes encher o formulario que se atopa dentro da web da campaña https://recuperarosbarrios.ecoarglobal.org ou ben enviar un correo a ecoarvigo@gmail.com. Poñerémonos en contacto contigo tan axiña como poidamos.