Modelo de carta
Baixa o arquivo para imprimir en formato PDF: en cor ou en branco e negro. (clic dereito e “baixar como”)
“D/Dª.
Sr/Sra.
Un barrio non só son edificacións, parques, rúas e prazas. Un barrio non é cada unha das subdivisións dunha localidade determinada. Nin dende logo é unha zona coa que especular e facer negocio. Un barrio é unha construción colectiva que se configura ao longo da historia e que lle achega unha identidade conxunta a todas as persoas que o habitan. Cada barrio da cidade onde vivimos moldéase a través das innumerables contribucións infinitas das persoas que nel conviven e crean día a día. Cada barrio fala de proxectos, cooperación, convivencia, persoas e lazos. Cada barrio conforma unha fotografía da memoria colectiva que entre todxs fomos e continuamos tecendo ao longo do tempo.
O Barrio do Cura conforma, como conxunto, un dos mellores exemplos de arquitectura popular recollidos no catálogo municipal. Á vez, tal e como sucede coa tamén ameazada Panificadora, constitúese nun dos alicerces sobre os que se constrúe a historia e a identidade de Vigo. As edificacións e espazos abertos (antes produtivos) xunto con outros elementos singulares agochan un enorme patrimonio natural, cultural, arquitectónico e histórico, que fica completamente abandonado e en estado de descomposición dende hai ben tempo e que, á vez, empurra ás persoas residentes a malvivir con escasos servizos en condicións paupérrimas.
Perante esta situación o Concello, coa connivencia da Xunta de Galicia, ten aprobado un proceso especulativo no Barrio do Cura que inclúe:
- A construción de 308 vivendas de residencial colectiva libre e 126 de residencial de protección en torres de ata 7 alturas, que modificarán definitivamente a fisionomía histórica do Casco Vello da cidade.
- A alteración e a destrución de moitos elementos do enorme Patrimonio Cultural galego como son o lavadoiro e rúa de Poboadores, o camiño e barrio de Santa Marta, o cruceiro do Campito, a Fonte da Barroca, o ex-convento de San Francisco do Berbés e varios exemplares de arquitectura popular tradicional.
- A eliminación de moitos elementos do patrimonio natural como son o acuífero natural que nutre o lavadoiro e numerosas árbores senlleiras.
- A creación dun novo vial que conectará Elduayen e Torrecedeira que non respecta o paso natural que simplemente habería que rehabilitar. Isto conleva a destrución de parte do patrimonio popular e que ademáis condensará un importante volume de tráfico cara a unha rúa estreita como é Torrecedeira.
- A situación dun cruce viario no Paseo de Alfonso XII, que incrementa a intensidade de tráfico rodado na zona en prexuízo do espazo de lecer e miradoiro á Ría actuais, así como das actuacións de pacificación e urbanización levadas a cabo nos últimos anos.
- A construción dun centro comercial de 12.000 m2 no espazo do antigo asilo, que hai que sumar ao Centro comercial A Laxe (13.200 m2), e que constitúen unha fonda ameaza para o desenvolvemento ou mantemento do xa ben estrangulado pequeno comercio da zona.
- O desprazamento das persoas que habitan nesa zona, perdendo en moitos dos casos o seu espazo de arraigo familiar durante xeracións e separándoas definitivamente dos seus círculos próximos; e que serán substituídas por persoas de poder adquisitivo medio ou elevado.
Recuperar o Barrio do Cura é unha prioridade tanto pola conservación do espazo e o patrimonio asociado, como polo beneficio do conxunto da cidade de Vigo, en canto á conservación dun tecido identitario, dun espazo de oportunidade como conector entre barrios e dun pulmón verde, entre outros motivos; pero neste eido non debemos confundir edificar e especular con recuperar, construír e crear. Debemos recuperar a vida e a cohesión social nos barrios, debemos crear residencia e espazos públicos de calidade, abandonando dese xeito a idea de edificación masiva sen obxectivos socialmente xustificados que trae da man tamén a consideración das dotacións públicas como centros de consumo.
Tendo en conta todo o anterior, amoso a miña máis fonda repulsa ao actual Plan Especial de Reforma Interior do Barrio do Cura e esixo un cambio de modelo que aposte pola conservación e a rehabilitación dos espazos, edificacións e bens culturais; que aposte pola creación de espazos libres e dotacións públicas de calidade, e vivendas en sintonía có tecido urbano no que se atopan e coas necesidades sociais do momento actual; que busque a preservación de todas e cada unha das especies naturais senlleiras que nel se atopan; que aposte por unha economía sostible baseada no pequeno comercio e o consumo responsable; un modelo que aposte, sobre todo, polas persoas, a memoria, os dereitos e a dignidade!!
Esixo…
RECUPERAR OS BARRIOS!!”
Baixa o arquivo para imprimir en formato PDF: en cor ou en branco e negro. (clic dereito e “baixar como”)