O TSXG anula o plan do Barrio do Cura, en Vigo
A sala do Contencioso do TSXG vén de anular, segundo publica este venres Atlántico Diario, o acordo do Concello do 2 de xuño de 2014 que aprobou definitivamente o Plano Especial do Barrio do Cura. A sentenza atende o recurso presentado pola Casa de Caridad de Vigo – Hogar San José e supón un golpe case que definitivo contra un polémico proxecto, que xa estaba paralizado. A promoción inmobiliaria (que prevía a construción de 300 vivendas) quedara xa bloqueda pola anulación, o pasado mes de novembro, do Plan Xeral de Ordenación Municipal tras unha sentenza do Tribunal Supremo. Segundo o xornal vigués, o Concello descarta recorrer o ditame coñecido hoxe, por considerar que o recurso non tería utilidade.
A Casa de Caridad presentara a demanda ao considerarse afectada pola aprobación do Plano Especial, que afectaba ao inmoble que ocupa a entidade. A sentenza dálle a razón e anula este Plano Especial. A única opción de que o proxecto urbanístico fose adiante pasaría por unha modificación puntual do Plano Especial del Casco Vello, onde agora de novo queda integrado o Barrio do Cura, ou por unha modificación moi importante do propio proxecto, que debería reducir as súas ambicións. En calquera caso non parece que a empresa promotora, Karpin y Asociados, teña un grande interese en continuar unha iniciativa que naceu hai 13 anos. O máis probable que se complete o proceso de poxa das propiedades adquiridas pola promotora, para facer fronte á debeda de 30 millóns de euros que mantén con BBVA e Santander.
Os defensores do proxecto, que fora aprobado por unanimidade no pleno municipal, argumentaban que serviría para unir o Berbés e o Casco Vello coa zona alta da cidade, e incidían no estado de abandono no que se atopa o lugar. Os seus detractores, no entanto, falan de “especulación urbanística” e de “obra innecesaria“. Os responsables do blog Xentrificación Vigo denunciaban hai dous anos que “a súa construción provocaría a revalorización e o aumento do valor das vivendas circundantes, incrementando deste xeito o prezo das vivendas e dos alugueiros no resto da zona vella e, isto, á súa vez, agudizaría o proceso de xentrificación e revalorización das vivendas en toda a zona”.
Fonte: http://praza.gal